17.7.08

La Rectoría






O Centre d´art La Rectoría está dentro dunha capa de hedra toda verde.


A paisaxe é fantástica. Aquí dúrmese moi ben, e o tempo pasa lenemente, coma transcorría hai anos o verán.


Pero a hedra crece a cada intre.





14.7.08

impresións




non me gustan as cidades grandes.
por iso fotografo árbores a contraluz baixo nubes que ocupan todo o ceo
.
que me ocupan, que tan só prometen outro inverno
.
e síntome equilibrista de rúas ásperas, nada estreitas, con camiñantes que camiñan sós como esperando algo (alguén ao que amarrarse), coas caras cansas, cos ollos inchados, cociñando pouco e ceando nun só prato, descoñecendo os pares e pasando moito tempo baixo terra.
.
como as miñas ramas
.
a contraluz
.



12.7.08

cara a iria



odio facer as maletas.
inserín miles de cousas que aínda non sei se vou utilizar, todas revoltas.
.

ceo ás mileunha, rápido e mal, deixo carne que sobra picada no conxelador, a ver se aínda segue ai cando volva dentro dun mes. no telexornal un home matou á súa muller e aos seus dous fillos. por problemas económicos. os veciños non entenden. eran felices.

.
semellaban felices.

.
non darei durmido, odio os avións.
penso na casa de iria. levo estrella galicia. penso nos cataláns. na sagrada familia. no parque güell. levo libros; emma couceiro e francisco castro.
.
a maleta segue a medio facer.

.
penso en cadaqués, en dalí, nos sitios que sempre quixen visitar e non visitarei.
creo que me van requisar algo no aeroporto.

.
fóra chove.

.
teño que chamar a belén. volvo pensar nos cataláns, en xavier sabater.
deixo notas de cores por toda a casa, para cando volvas.
odio a teletenda.

.
beberemos estrella en barcelona i cantaremos as cancións que cantabamos en compostela, sóbor da pedra mollada que privilexio, e xa falta menos.

.
fóra chove máis.


.

10.7.08

camiños de tránsito



lembras aqueles camiños angostos e naturais, os mesmos que agoran son autoestradas e lles creceron apartamentos de balaustradas, beirarrúas, inxertos de vida estival, algas artificiais, hedras de plastico fosforito?
lembras as longas camiñadas sen asfalto dende a praia?