28/10/08



olvidei un poema que soñara

hai días sen tempo nin para fregar os dentes

Lembrei unha noite que despertei chorando, abrazada a tentáculos que me abrazaban.Aínda a palabra pronunciada esvara pola miña espalda. Pero a memoria é unha desfiguración inexacta.

Hoxe o ceo non existía. As casas non tiñan tellados.

Podería ser un mes sen nome; viúvo.

Leo as túas cartas e peino moito o cabelo, as tardes de costado, as partes imprevistas.

Dixerirte complícase. Por iso agora devoro espacios de versos rotos.

tiñan as ramas o movemento exacto do sexo

os arpexios da loucura

e nas follas, verde aniñando aínda as lembranzas de ter sido vistas

por outros ollos.

A parte estéril dos meus ósos di que me sobordan os sentidos.

E olvido os poemas que soñara.


imaxe: o descanso do outono; onionboy



19/10/08

escenario da repetición ou da capo


Repito cada mañá os mesmos pasos, o mesmo camiño. Para chegar ao mesmo sitio: aquí. Esta noite. Este agora. Esta música lenta que me habita percorrendo cada significado.

Cada estantería.

A parte de atrás dos meus ollos intensifica unha instantánea non atendida.

Ás veces, simultaneidade. Unísono.

[pero algúns versos non perdoan as formas]

Desescribo os sentidos, as luces, os semáforos. Sorpréndome escribindo pombas.

E digo;

Non debería estar aquí. Esta parte da historia non me pertence. Fundíronse algunhas páxinas no río seco e a trama deixou de ter sentido.

Era eu volvendo atrás, un eterno flashback polas escaleiras. A dúbida eterna de non saber onde estás, de non saber como deben continuar os feitos.

Perder a vista, perder a memoria, repetir sempre a mesma historia.

Perseguirse.

Repetir unha e outra vez o día exacto do precipicio, coas mans embaixo da terra, e os teus ollos detrás dos meus ollos, cun sorriso aterrador porque todo perdera o sentido.

[pero algúns versos non perdoan as formas]



imaxe: hora de comer; alfredo j. pardo





15/10/08

outonados


...e luz imposible que se me prendía nas dedas dos pés e no movemento...

pero isto, visto dende ti, non debe de ter moito sentido.


13/10/08

delirio



tots els dies record els deliris
como unha tola que a si mesma se persigue 
ou persigue a data






01/10/08

poema

















[demasiados días invertidos
nun poema que non atopa final]




mira,
toda unha derrota erótica vencida polo baleiro
estourada, inmóbil, esmagada ou esfragada
de abandonarme prendida no ruído do teu silencio
e tardes coma pedras vivas incrustándoseme nos pés
silandeiras, escaleiras vermellas e cruzar as pernas
atafegada, escarchada, e o ventre aceso como estremecemento
nas cifras crúas que emanan do teu cabelo

mira, interminable auga de suar, estoica, agallopada e tinxida de pernas que non son
estas

ves, esta égua dacabalo dos teus ollos firmes que agochan un mortal 
estouro que eu escoito coma lenzo perdido nun bosco entre paxaros caídos?

mira, estranxeira en ti, azul ou verde esfragando por tellados antigos
entre libros
e amarela reflexada na parede extremadamente táctil
extremadamente eu

café arxilado ao que acollerme
na precisa forma túa de collerme en vaso, en distancia, 
na fina herba dos recantos do teu corpo,
na ruína escrita dos meus ollos

mira, a supresión da memoria esgrevia,
o zunido constante esvarando pola túa córnea,
a suspensión da miña espiña na fácil execución do vento
estreitada, timidamente olladas dende a outra punta do incerto
da lingua espida que se chove, que enxendra un silencio
e acordes de chopin axilados noutra estancia

a forma túa de textualizarme en chan seco
ou desfigurarme o fígado
descosendo a ruín mortalla que eu pretendía para min
[mírame, brutalmente mollada nun recanto da cociña]

miro,
esas trazas de trazarme máis feble,
fruncindo o rostro, as hortas entetadas
as horas acompasadas a bolígrafos azuis ou lápis


fuxíndome eu, sen despoxos, alporizada ou tremenda
cos pés suxos de terra, de sandalias abaldosadas,
meixelas avermelladas
e todo ti novelando os teus soños
cunha sintaxe medio adormecida
medio de néboa somnífera
de agarda de agardar o [...]