25.11.08


a partir desta liña ela olvida as palabras,
os dicionarios, as noites de vixilia 
e os paxaros

a partir de aquí, ela perde os sentidos
as carreteras, as noites de sono e os motivos:
a parte de fóra do seu corpo invéntase a si mesma

a partir de ti,
ela perde a fala,
os semáforos:
olvida as datas e a partir de aquí
ela
crea o escenario:

ti falas os teus soños
dentro dunha película de cine mudo


12.11.08

de taboada (II)


olvidei contar que isto xa anda pola rúa. (parabéns!)

podedes escoitalo aquí

e disfrutalo en directo o

13 Nov - 20h - Con Ledicia en el Café Noroeste (Lugo)
 
21 Nov - 23h - Pub Ruada (Lugo)
 
27 Nov- 19.30h - Centro On (A Coruña)



 

6.11.08


agora podo dicir
Era aquela, a irremediable espiña que se me cravou no brazo, e non se distinguía embaixo da luz imposible que me habitaba. Era eu, viúva de nome, porque xoguei a entrar nun corpo canso, e todas as instantáneas do mundo se me meteron debaixo.  Foi a terra, a que existía enlazada a unha casa que nunca ficaba muda. A extrañeza de sentir que perdes o fío ou a trama.            (Pero todo sempre no seu sitio).
Foron os lenzos, porque me inclinei sobre eles e crearon vida e houbo unha guerra. E despois silencio e abandonar a linguaxe.
Foron as palabras, que che prometín algún verso e aínda non sabes que xa tes infinitos poemas, e que este inverno me cega. E seguirá todo así mentres non regrese o mesmo inicio.
Pero non sei se chegarás a tempo.
Por iso repito unha e outra vez a mesma memoria, subo irremediablemente e precipitada as escaleiras. Mais aquí non quedan faiados.
Síntome aínda no fondo do vaso, e parece que algo vai abríndome paso, pero temo moverme e interromper cadeas.                 (Tampouco quixera danar o teu nome)                                             E nada semella ter sentido. Agora si que non.
Sen embargo, repito: féndeme o pé ate que non quede máis óso. Rompe a espiña.      Arríncame o brazo.
Pero hai cousas que non quero que saibas. Por iso destrozo versos e os cambio de sitio.
(Algún día todo volverá á súa estancia).

 imaxe:"Dia N" (Natura Versus); ivan izquierdo