13.1.09

O soño era eu dentro dun cuarto baleiro. E tamén estaba ela, unha bruxa que o meu subconsciente deu en chamar Laura. Meiga roubándome os poemas, levounos á cama e como berraba.

Pero algúns nomes non están preparados para aparecer nos soños. Poema liviano, poema famento, efémero e distorsionado. Poema na entraña, na pel de fóra esvarando estradas, arrincado da súa casa, lunática obsesión de nena morta. Asasinada.

Meiga Laura, meiga loira, maligna intrusa que me atas as pernas.

Puta que me roubas as verbas, a onde as levas? Doe escoitar os teus berros de pracer, saboreando os meus versos nunha cama esquizofrénica.

Isto non é soño é pesadelo.

Puta que me roubas os nomes, devólveme a vida e a carne miña!Os filetes dos lobos, o pelo dos gatos, os ollos dos osos e os ósos da tarde.

Puta meiga que non es desta terra, devólveme os poemas, os libros azuis, os dentes cravados no fondo do espello.

Bruxa estranxeira, non abras os meus cadernos, devólveme a vida e a carne miña!

O soño era eu e non loitaba, escapei do cuarto ao frío de fóra, á xeada de tres días antes.

O ceo era o máis fermoso en anos,

e olvidei os poemas (ou quero pensar que os olvidaba)

mentres noutros soños fabrico lumieiras.

7.1.09

de poñente

-Pero aínda pensas neles?
-Nos gatos? Cada día un pouco menos. Non é realmente menos, pero aparecen máis desenfocados.
-Como naquela película?
-Algo así. Suicidio-metamorfose-exterminio (o xe con moita énfase).
-E cal é a dirección?
-A do tempo?
-Non; quero dicir, a de verdade.
-Certamente, non sei. Creo que estabamos de poñente.