17.9.10

MISCELÁNEA

Quería falar sobre libros e cine e fotografía. Pero tanta cousa descéntrame. O título da miña última entrada duplicou as visitas deste blogue. Sorprendente a forza dalgunhas palabras.
Quería falar sobre Debussy pero no piso do lado o veciño berra co Sing Star e parece que ninguén lle dixo que canta como un porco asustado. Tanta cousa e o meu veciño descéntranme.
Penso en todos os proxectos que teño por rematar, en chamadas telefónicas pendentes que alongan a fin definitiva da curtametraxe interminable.

Quería falar sobre libros e Debussy. Pero tanta cousa e o meu veciño e a curtametraxe interminable descéntranme.
A miña estantería virtual (Google Reader) está a rebosar. Aí hai de todo: coñecidos, descoñecidos, eventuais, amigos, ex compañeiros literarios, continentais, peruanos, galaxiais, tristes, contentos, papagaios, gamberros.

O outro día tiven un encontro casual, fortuito e virtual cun dos descoñecidos da miña estantería: estaestanteríavirtual descéntrame. Descéntrame moitísimo e cada vez entran máis descentradores. Decateime de que os leo máis ou menos dependendo das estacións. Por exemplo este verán lin moito isto .

Setembro é distinto. Setembro non debería ser un mes. Debería ser Estación. Estacional. Arbitrario ou desolador. Setembro sempre foi mes (estación) de repaso. Por iso re-leo isto: total descoñecido ou descoñecida que non sei como veu parar á miña estantería. Non sei se é home ou muller ou androide. E nen se quera sei se é.

E re-leo a Este Señor: Este Señor que me descentra. Este Señor descéntrame moitísimo e de todas as maneiras e Debussy descéntrame o cine descéntrame a curtametraxe que nunca remata descéntrame.

Por outra parte e ao mesmo tempo Señoras-Spam invéntanme fillos que non teño, con nomes incluidos. Señoras-Spam invéntanme viaxes a Francia. Señoras-Spam invéntanme futuros recitais en Málaga. As Señoras-Spam non me descentran. As Señoras-Spam cabréanme.

As Señoras-Spam.

As Señoras-Spam.

Eu pensaba que isto só sucedía se saías na portada do Hola. Pero dou fe: hai Señoras-Spam que inventan toda a túa vida.

As Señoras-Spam.
As Señoras-Spam non me descentran. As Señoras-Spam cabreánme.

1 comentario:

  1. Pues no se entiende mal el gallego aun sin saber..

    ResponderEliminar